O Plan de Spotify
En Spotify, tras consultar a Fable e persoas con discapacidade, identificamos as barreiras en cada un destes epígrafes e describimos a continuación as estratexias e os mecanismos que usaremos para eliminalas e previlas.
Emprego
Estamos creando un Spotify que reflicta a diversidade de voces da nosa plataforma e das comunidades onde estamos presentes. Comprometémonos a promover a equidade, eliminar barreiras e fomentar unha cultura onde todo o mundo poida crecer e ter éxito. Crear un lugar de traballo accesible é esencial para apoderar a nosa xente e impulsar o crecemento de Spotify dunha maneira que nos favoreza a todos. Cando todos temos as mesmas oportunidades, todos nos beneficiamos.
En que punto estamos?
O noso compromiso de crear un Spotify para todo o mundo está claramente definido, mais sabemos que aínda queda moito por facer para mellorarmos o noso proceso de contratación e adaptacións e para comprendermos mellor os nosos empregados con discapacidade. Sabemos que hai unha concepción errónea da discapacidade e queremos reducir o estigma e apoiar os nosos responsables de persoal para que tomen a iniciativa. Estamos orgullosos da nosa filosofía global de adaptación no lugar de traballo e seguiremos asegurándonos de que todo o equipo conte coas ferramentas que necesita para dar o mellor del. Por último, comprometémonos a garantir que as persoas candidatas no noso proceso de contratación (tanto externas como internas) teñan máis oportunidades de solicitar apoio se o precisan.
Plan de acción
- Participaremos no índice de igualdade para persoas con discapacidade co fin de avaliarmos os nosos esforzos.
- Identificaremos un patrocinador executivo para o noso Grupo de pertenza á discapacidade e neurodiversidade.
- Melloraremos a accesibilidade do noso proceso de contratación, incluído o noso sitio web de contratación externa, Life at Spotify, e a nosa plataforma de mobilidade interna.
- Seguiremos a desenvolver recursos, programas, ferramentas e medidas de apoio para empregados e directivos con discapacidade e neurodiverxentes.
- Colaboraremos co noso equipo de experiencia na comunidade para nos asegurar de que todos os eventos de participación internos para empregados sexan accesibles; ademais, faremos un seguimento das solicitudes de accesibilidade co obxectivo de mellorarmos a planificación de futuros eventos.
- Revisaremos os sistemas e aplicacións internos de Recursos Humanos e avanzaremos co fin de garantir a accesibilidade para todos os empregados.
- Revisaremos o proceso de adaptación para identificar aspectos mellorables.
Contorno físico
En Spotify, os nosos empregados poden traballar onde queiran, xa sexa na casa, na oficina ou mesmo noutro lugar. Cando escollen traballar desde as nosas oficinas, esforzámonos por ofrecer espazos accesibles para todo o mundo. Sabemos o importante que é a accesibilidade no espazo de traballo: se non se pode axustar a iluminación de forma independente no espazo de traballo persoal ou non hai unha política sen cheiros, isto pode causar sufrimento, dificultades respiratorias ou sobrecarga sensorial, e facer que sexa moi difícil ou mesmo imposible concentrarse nas tarefas do traballo.
Testemuños"Débese colaborar co persoal, tanto durante a incorporación como máis tarde, de xeito periódico, para determinar que se precisa para que a oficina sexa acolledora e accesible para el. E o mesmo cos visitantes, que poidan dar a súa opinión sobre a súa experiencia nas oficinas e facer suxestións para facela máis acolledora e accesible".- Resposta da enquisa de Fable
En que punto estamos?
Os nosos principios de deseño de oficinas, que determinan o deseño e a distribución das oficinas de Spotify en todo o mundo, inclúen un compromiso coa accesibilidade. Tamén cumprimos as normativas do mercado para nos asegurar de que cumprimos os estándares de accesibilidade vixentes. Ofrecemos asesoramento periódico sobre ergonomía a todos os empregados, así como adaptacións razoables e necesarias, como estacións de traballo con altura regulable ou outros accesorios ergonómicos.
O noso obxectivo sempre foi garantir que os nosos espazos se poidan definir como "accesibles" e deseñalos de xeito que se eliminen as barreiras actuais, mesmo nos corredores e zonas de espera. Así a todo, ás veces a xente atopa barreiras cando visita as oficinas de Spotify, como portas sen sensores de apertura automática. Aínda que hoxe temos unhas normas de accesibilidade claras, a súa aplicación segue a ser irregular nos nosos espazos.
Plan de acción
- Informaremos os empregados sobre os distintos espazos e adaptacións dispoñibles, como zonas especiais para concentrarse e módulos individuais de presentación.
- Actualizaremos as nosas normas de accesibilidade e adoptarémolas en todos os proxectos novos.
- Revisaremos as nosas normas para abordar problemas e corrixilos nunha actualización.
- Ofreceremos formación sobre accesibilidade ao noso equipo de servizos globais no lugar de traballo.
Tecnoloxías da información e a comunicación (TIC)
Esta sección céntrase nas persoas e a tecnoloxía que empregamos para prestar asistencia. Queremos que a experiencia de recibir asistencia de Spotify sexa tan intuitiva e accesible como os nosos produtos. Animamos a xente a identificar calquera necesidade de accesibilidade que non se satisfixese na nosa plataforma e a indicárnola co noso proceso de envío de comentarios. Para este informe, revisamos todos os comentarios actuais e tentamos solucionar os problemas que nos sinalaron.
Testemuños"Escoitar con paciencia as barreiras ou problemas aos que me enfronto e, se esa persoa ten eses coñecementos, moito mellor. Por iso, sería útil que teña os coñecementos necesarios sobre ese problema específico. E se non é así, que saiba dicirme con quen teño que falar".- Resposta da enquisa de Fable
Testemuños"[Quero saber] como poñerme en contacto con alguén que saiba e que vaia tomar medidas para resolver o problema".- Resposta da enquisa de Fable
En que punto estamos?
Os asesores do servizo ao cliente ("CS") de Spotify reciben formación obrigatoria en accesibilidade. Ofrecemos unha canle específica para recibirmos comentarios sobre accesibilidade e dános moito orgullo colaborar con Be My Eyes (BME) para pór en contacto persoas cegas e con problemas de visión co noso equipo para pediren axuda. Tamén nos asociamos co equipo interno de accesibilidade de Spotify para comprobar a claridade, o vocabulario e o formato do noso contido escrito. No entanto, algúns programas informáticos que empregamos para ofrecer o noso servizo de atención ao cliente poderían ser máis accesibles, sobre todo se non se crearon co sistema de deseño de Spotify, que xeralmente garante funcións de accesibilidade, como o cambio de tamaño do texto e un contraste de cor axeitado. Tamén se podería mellorar a nosa formación e ampliarse a todos os equipos do noso ecosistema de asistencia.
Plan de acción
Nos próximos tres anos, queremos establecer unha cultura firme de accesibilidade dentro do equipo de atención ao cliente.
- Crearemos un equipo dentro do noso equipo cos coñecementos, as habilidades e as ferramentas especializados para apoiar as persoas con discapacidade.
- Formaremos a todos os equipos para que ofrezan un alto nivel de apoio aos usuarios con discapacidade.
- Resolveremos os problemas actuais e melloraremos a nosa plataforma de servizo ao cliente, as superficies de autoservizo e as experiencias cos bots para perfeccionar a accesibilidade.
- Estableceremos un proceso para revisar e mellorar continuamente as ferramentas externas de servizo ao cliente.
- Resolveremos os problemas actuais e melloraremos a accesibilidade das nosas ferramentas de operacións internas.
- Estableceremos un proceso para revisar e mellorar de xeito continuo as ferramentas de operacións internas para persoas externas.
- Crearemos o noso marco de xestión do rendemento para cubrir mellor as interaccións relacionadas coa accesibilidade.
- Manteremos e revisaremos a nosa filosofía de autoría para reflectir os estándares de escritura accesibles (tal como se definen no sistema de deseño de Spotify) e publicaremos contido que se adapte ás necesidades e estilos de aprendizaxe da clientela.
- Faremos controis e melloraremos de xeito continuo seguindo os comentarios dos clientes e as auditorías periódicas.
Comunicación á parte das TIC
Inclúense as comunicacións internas e externas de Spotify, dirixidas por equipos de marca, comunicacións e colaboracións, entre outros. Os nosos empregados reciben noticias nosas por medio de canles internas escritas e en directo, mentres que as persoas externas á empresa poden vernos en espazos de márketing en exteriores ou nas súas redes sociais.
En que punto estamos?
Esforzámonos por ofrecer contido accesible en todas as nosas comunicacións e comprometémonos a avaliar e mellorar constantemente os nosos estándares. Este Plan representa un impulso cara a unha maior madurez nas nosas prácticas de obtención de resultados.
Plan de acción
- Adoptaremos e estandarizaremos os formatos e as comunicacións accesibles nas experiencias en liña, como a nosa redacción ou as redes sociais.
- Estruturaremos as prácticas recomendadas para as imaxes, os recursos e as presentacións, tanto internos como externos.
- Crearemos un sistema para que os empregados compartan comentarios internamente sobre os recursos.
- Revisaremos os recursos de márketing e doutros tipos para identificarmos se podemos facer melloras ou engadir máis.
- Traballaremos coas rexións para garantir que todas as canles das redes sociais teñan activados os subtítulos xerados automaticamente e outras funcións de accesibilidade integradas na plataforma.
- Consultaremos a Fable para avaliarmos os nosos estándares actuais de márketing experiencial e planificarmos medidas adicionais.
- Enviaremos comunicacións aos convidados antes de chegaren aos eventos presenciais para evitar posibles molestias (por exemplo, "Neste evento haberá unha actuación con luces intermitentes").
Compra de bens, servizos e instalacións
En Spotify, as compras inclúen, por exemplo, software e infraestruturas na nube, así como material de oficina, servizos profesionais e corporativos, márketing e moito máis. Este amplo alcance inclúe un proceso de catro fases: recepción, avaliación, negociación e finalización. O obxectivo é incorporar a accesibilidade no noso proceso.
Testemuños"[Hai que considerar] se as empresas achegan ou non un valor real a Spotify. Non debemos comprar software innecesario só porque diga 'Xa somos... accesibles!'".- Resposta da enquisa de Fable
En que punto estamos?
Como equipo de compras, avaliamos o noso estado actual e descubrimos que o noso sitio web Spotify for Vendors non menciona a nosa postura sobre a accesibilidade. Ademais, actualmente non incorporamos a accesibilidade como un elemento que ter en conta á hora de buscar e incorporar provedores.
Plan de acción
- Priorizaremos a actualización do sitio web de Spotify for Vendors coa nosa declaración de accesibilidade, que contribuirá á socialización interna e externa da política.
- Valoraremos os provedores estratéxicos clave nas categorías de gasto relevantes para avaliar as consideracións de accesibilidade.
- Desenvolveremos un plan para incorporar as cuestións de accesibilidade ao proceso de solicitude de propostas (RFP) actual e ao proceso de incorporación de provedores para as categorías incluídas.
Deseño e entrega de programas e servizos
Nesta sección explícase como formamos deseñadores, enxeñeiros e todas as persoas responsables da creación de produtos de Spotify, o noso enfoque para elaborarmos produtos accesibles e as prácticas de deseño que empregamos para facelos o máis accesibles posible para todo tipo de usuarios.
Dividimos esta categoría tan importante en catro seccións:
- Formación e documentación
- Equipo
- Auditorías, investigación e análise
- Proceso
Esta categoría aplícase aos equipos dedicados á formación, á accesibilidade e ao deseño de Spotify.
Testemuños"Todo o mundo debería poder usar ese deseño en igualdade de condicións. Todas as persoas deberían poder usalo e ser quen de realizar a tarefa".- Resposta da enquisa de Fable
En que punto estamos?
Os nosos equipos de formación, accesibilidade, sistemas de deseño e liderado traballan para axudar a crear produtos accesibles, mais aínda hai marxe de mellora. Se as persoas con discapacidade non proban os nosos produtos e ferramentas dixitais, poden resultar difíciles de utilizar, e isto pode provocar que os empregados traballen máis lentamente ou que os clientes cambien a outro servizo máis doado de usar. Ademais, se os empregados non teñen a formación axeitada, é posible que as taxas de retención e ascenso sexan máis baixas entre os empregados con discapacidade ou que se ofreza unha atención deficiente aos clientes con discapacidade.
Formación e documentación
- Impartimos cursos e sesións prácticas de accesibilidade.
- Ofrecemos módulos de aprendizaxe en liña de Fable, entre os que se inclúen os seguintes (dispoñibles en inglés): Introdución á accesibilidade dixital, Experiencia de usuario accesible, Probas de accesibilidade, Desenvolvemento web accesible, Aplicacións accesibles para móbiles con iOS e Aplicacións accesibles para móbiles con Android.
- Realizamos un seguimento das taxas de finalización dos módulos na nosa plataforma de aprendizaxe en liña, Greenhouse.
- Polo momento, non contamos con paneis de control e métricas completas sobre o programa de accesibilidade.
- Aínda hai marxe de mellora na accesibilidade das plataformas e produtos internos de Spotify que utilizan os empregados.
- Dispoñemos dunha ampla documentación, actividades e recursos sobre accesibilidade para todos os públicos, pero sempre hai marxe para mellorar a organización, a claridade e o márketing interno proactivo.
Equipo
- Recompensamos os equipos e as persoas que dan prioridade á accesibilidade.
- Traballamos con varios provedores de accesibilidade, incluído, entre outros, Fable.
- Contamos cun equipo especializado de enxeñeiros de accesibilidade, unha persoa responsable de enxeñería e outra que xestiona o programa.
- Os equipos de produto non teñen unha persoa responsable da accesibilidade.
Auditorías, investigación e análise de accesibilidade
- Existe un proceso para solicitar unha auditoría de accesibilidade, ademais das auditorías xa existentes.
- Asegurámonos de que todas as probas de usuario e os estudos de investigación están á disposición de todo o mundo en Spotify.
- As nosas probas previas ao lanzamento teñen un alcance limitado que non inclúe os usuarios de tecnoloxías de asistencia.
Proceso
- O noso sistema de deseño ofrece temas de cores, escalas tipográficas, compoñentes e maquetaxes accesibles.
- As normas de deseño e redacción accesibles están publicadas no sitio web do noso sistema de deseño.
- Os equipos de deseño non sempre teñen a experiencia necesaria para dar prioridade aos niveis máis altos de accesibilidade e equilibrar as consideracións de deseño.
- A nosa maneira de crear produtos accesibles pode ser reactiva, a miúdo debido a prioridades en conflito, e por iso solucionamos os problemas de accesibilidade despois do lanzamento.
Plan de acción
Formación e documentación
- Avogaremos por que todo o persoal de Investigación e desenvolvemento complete a formación en accesibilidade.
- Actualizaremos os cursos para facelos máis aplicables a áreas de produto concretas.
- Animaremos a xente a completar unha formación exhaustiva e específica para cada función.
- Crearemos un kit de accesibilidade para que os equipos se formen de maneira autónoma.
- Formularemos e programaremos un plan de comunicación para os cursos existentes co fin de aumentarmos a visibilidade interna.
- Revisaremos os resultados do programa e recolleremos comentarios para identificar posibles áreas de mellora. Axustaremos o programa segundo sexa necesario para futuras iteracións.
- Proporcionarémoslle ao equipo de estatísticas as métricas clave da formación, incluídos os datos de inscrición e comentarios, e melloraremos o contido e a dispoñibilidade da formación a partir deses datos.
Equipo
- Crearemos a nosa rede interna de especialistas en accesibilidade e animarémolos a influír na empresa para darlle prioridade á accesibilidade sen deixar de lado outros requisitos non funcionais.
- Aumentaremos a nosa rede interna de especialistas en accesibilidade e seguiremos fomentando a accesibilidade.
- Incorporaremos a nosa rede interna de especialistas en accesibilidade a un marco de desenvolvemento profesional máis formal en Spotify; por exemplo, dunha proactividade demostrada no traballo en materia de accesibilidade como novo requisito previo no marco profesional de Spotify.
Auditorías, investigación e análise de accesibilidade
- Avaliaremos continuamente o estado da accesibilidade en Spotify con auditorías periódicas, nas que contaremos coa axuda de persoas con discapacidade, e faremos un seguimento dos tempos de resposta para reducir o intervalo entre a detección e a resolución do problema.
- Manteremos os estándares de accesibilidade cunha imaxe de marca de produto creativa.
- Empregaremos análises baseadas en datos e a narración para facermos un seguimento do traballo de accesibilidade e recompensarmos a todas as organizacións polo traballo proactivo.
- Revisaremos os micrositios e sitios web de Spotify.
- Ampliaremos as auditorías e a accesibilidade aos produtos internos.
Proceso
- Na fase de descubrimento do produto, levaremos a cabo as seguintes medidas:
- Sinalaremos todos os puntos principais do ciclo de vida de deseño, produto e desenvolvemento de software que poderían beneficiarse das ferramentas, a infraestrutura de probas e a automatización axeitadas.
- Crearemos e integraremos as ferramentas, a infraestrutura de probas e a automatización axeitadas nas seccións relevantes dos nosos fluxos de traballo de deseño, produto e desenvolvemento de software.
- Na fase de iteración e mantemento:
- Investiremos nas ferramentas, a infraestrutura de probas e a automatización axeitadas para que nos permitan ter en conta a accesibilidade nas primeiras etapas do ciclo de vida do desenvolvemento do produto.
- Introduciremos fluxos de traballo para que os empregados de Spotify contribúan de forma independente con revisións do contido sobre accesibilidade que sexa relevante.
- Ofreceremos asistencia continua para solucionar os problemas a medida que xurdan.
- Manteremos os estándares de accesibilidade cunha imaxe de marca de produto creativa.