Centro de accesibilidade

Conectamos a creatividade, a accesibilidade e a inspiración para todos.

Consulta

"Nothing About Us Without Us" ("nada sobre nós sen nós") é unha crenza fundamental do movemento polos dereitos das persoas con discapacidade, que describe a necesidade da plena participación das persoas con discapacidade en calquera traballo e innovación no seu nome. Unha das formas en que aplicamos este modelo é mediante a nosa colaboración con Fable, unha plataforma de accesibilidade impulsada por persoas con discapacidade. En todas as fases deste Plan, consultamos o equipo de Fable e a nosa comunidade interna #able, un grupo de empregados con discapacidade ou neurodiverxencia.

Coa axuda de Fable, Spotify enquisou a máis de 100 persoas con discapacidade sobre as súas necesidades e preferencias en materia de accesibilidade. As respostas incluían os puntos de vista de persoas que usan tecnoloxía de asistencia para a visión, audición, cognición, fala ou mobilidade. A enquisa abranguía unha gran variedade de temas, como a atención ao cliente, as comunicacións, a contratación, os espazos físicos, os produtos dixitais e as adaptacións. Fable tamén organizou un grupo focal en liña con catro persoas con diferentes necesidades de accesibilidade co obxectivo de afondar nestes mesmos temas. Empregamos esta información para guiármonos na creación do Plan de accesibilidade de Spotify.

Despois de redactar o borrador do Plan, outro grupo focal con cinco participantes con discapacidade revisou o borrador e deu a súa opinión sobre el. Esta estratexia iterativa de implicación das persoas con discapacidade no desenvolvemento do Plan axudou a descubrir aspectos que debían mellorar e a xerar confianza nas medidas de accesibilidade de Spotify durante os próximos tres anos.

Un exemplo de como logramos mellorar este Plan grazas ás enquisas: os participantes indicáronnos que a persoa que responde ás consultas de atención ao cliente debería estar familiarizada coas tecnoloxías de asistencia e accesibilidade. Como resposta a estes comentarios, na sección "Tecnoloxías da información e a comunicación (TIC)" deste Plan, comprometémonos a ampliar o noso equipo actual con coñecementos, habilidades e ferramentas mellorados para axudarmos ás persoas con discapacidade.